12-06-07

Os traballos do Obradoiro de Emprego do Museo de Galicia proseguen a bo ritmo

O taller de emprego “Galaico Expreso III”, promovido pola Fundación dos Ferrocarrís de Galicia e subvencionado pola Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, chega ao seu ecuador cumprindo os traballos programados no proxecto.

Case 50 traballadores, cos seus respectivos responsables de área, están inmersos nos traballos de recuperación de material ferroviario histórico levados a cabo nos talleres da Fundación, destinado a formar parte dos fondos históricos do Museo do Ferrocarril de Galicia.

Trátase da recuperación e posta a punto dunha locomotora diesel eléctrica da serie 10800 (yeye).

Os traballos que se levan a cabo consisten na rectificación do seu motor Carterpillar de 520 Kw de potencia, o cableado dos pupitres de conducción, a restauración íntegra do armario de contactores; tamén os motores eléctricos, freo de aire, rodamentos e saneado do bastidor e a caixa da locomotora.

Asemade, actúase na guidastre de grande intervención AGM 703, de 70 toneladas de elevación e 106 mil kilos de peso para pintala e poñela en funcionamento.

Outras obras interesantes son a recuperación de caixas de dresinas fóra de uso para reconvertelas en pequenos coches de viaxeiros ao obxecto de conformar un tren que circulará polas vías interiores do Museo.

Coches da serie 9000 e outros obxectos ferroviarios completan as obras de restauración.

Estes traballos poden apreciarse nas seguintes fotografías.

Área de Comunicación

************************************************************

O tractor Bown-Boveri procedente do porto da Coruña de novo en servizo

12-06-07

O tractor de manobras ferroviarias fabricado en 1936 en Suíza pola Brown-Boveri, que foi cedida pola Junta de Obras Públicas del Puerto de A Coruña ao Museo do Ferrocarril de Galicia, foi totalmente restaurado e posto de novo en servizo.

Esta pequena locomotora foi adquirida en 1938 polos responsables do porto da cidade para mover vagóns de mercancías dentro das instalacións portuarias durante 40 anos. A finais da década dos 70 deixou de prestar servizo e foi apartada nun hangar ata que, en 2004, foi trasladada ao Museo do Ferrocarril en Monforte de Lemos para a súa restauración.

A máquina desmontouse integramente nos talleres do Museo onde se levaron a cabo as operacións de revisión e rectificación do seu motor diesel. Tamén interveuse nos elementos de rodaxe e no sistema de tracción. A caixa da locomotora foi saneada e pintada interior e exteriormente.Para aumentar a seguridade do vehículo instalouse freo de aire combinado.

A Brown-Boveri circulará polas vías interiores do Museo tirando dun pequeno tren para uso dos visitantesse da recuperación e posta a punto dunha locomotora diesel eléctrica da serie 10800 (yeye).

Como peza única, o seu valor histórico é incalculable.

Área de Comunicación

************************************************************

 

O taller da Fundación recibe unha grata visita

A pasada semana cumpliuse unha das grandes ilusións de Jose, un neno lucense que nos visitou con seus pais, Pilar e Pedro. para coñecer in situ a máquina de vapor Mikado. Jose sorprendeunos cos seus coñecementos técnicos acerca desta locomotora histórica, e por suposto non desperdiciou a oportunidade de se retratar cabo dela. Dende aquí enviámoslle unha forte aperta, animándoo a seguir alimentando a súa paixón polo tren.

Área de Comunicación

************************************************************

02-03-07

Apoio unánime das Asociacións dos Amigos do Ferrocarril de Galicia

 

O pasado 24 de febreiro as xuntas directivas das Asociacións de Amigos do Ferrocarril de Galicia reuníronse nas instalacións da Fundación dos Ferrocarrís de Galicia para deixar constancia oficial, mediante a rúbrica dunha declaración pública, do seu apoio ás actuacións en diversos ámbitos que, dende hai máis dun lustro, ven realizando a entidade sén ánimo de lucro

Neste sentido, Carlos Abellán (presidente de ACAF), Carlos Tabares (ASOFER), Fermín Avellaneda (AMAFER), Manuel del Río (AFAF), Juan Gayoso (AVAFT) e José Manuel Gornés (AHRAEAF) -con ausencia por forza maior de José Luis López (AACF)- quixeron manifestar o máximo recoñecemento á política emprendida polo padroado e os xestores da Fundación do tren galego respecto da preservación e restauración do patrimonio ferroviario de Galicia, especialmente do que se atopa fora de uso e con risco de arruinarse.

Dita declaración recolleu tamén o respaldo á Fundación no seu proxecto de recuperación das antigas instalacións do depósito de tracción vapor de Monforte de Lemos, ao obxecto de participar nun concurso convocado pola Fundación Barrié de la Maza.

Así mesmo, felicitaron á autora do proxecto. Dna. Isabel Aguirre de Urcola, polo seu excelente traballo, e manifestaron a súa esperanza de que sexa valorado positivamente pola comisión do concurso, o que suporía a conservación e uso dun patrimonio histórico único en Galicia e un dos máis importantes na historia do ferrocarril de España.. Deste xeito dotaríase ao Museo dunha sede exclusiva, tanto pola súa historia como pola súa infraestructura tipicamente ferroviaria, que completaría o recoñecemento que xa se lle outorga polos traballos de recuperación do material ferroviario ata agora realizados. A máxima expresión de ditos traballos é o tren histórico Galaico Expreso, tren real en ancho ibérico en perfecta disposición de marcha, que ten realizado memorable singraduras ferroviarias.

Por último, a declaración recollía a petición ás institucións públicas e privadas para a súa implicación na tarefa de velar pola recuperación e rehabilitación do patrimonio ferroviario galego de finais do século XIX e principios do XX, en particular do existente en Monforte de Lemos, sede do Museo do Ferrocarril de Galicia.

Área de Comunicación